A Xunta facilita formación sobre comercio electrónico a máis de 400 pemes e autónomos

O curso FÓRMAT-e iniciouse en setembro do pasado ano e durará ata o mes de abril, achegando cada semana unha sesión temática online.

A Xunta de Galicia ten facilitado ata o de agora formación a máis de 400 empresas inscritas no curso FÓRMAT-e. Este curso está integrado no programa Fórmate Internacional do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e ensina a pemes e autónomos como abordar un proceso de internacionalización dixital no novo escenario poscovid.

Con esta iniciativa, a Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, pretende ofrecer formación empresarial para crecer no novo escenario marcado pola pandemia, que ten cambiado os hábitos de consumo a nivel mundial. Neste marco, o curso fai un percorrido polas bases do comercio electrónico como canle para o acceso a novos mercados.

Sesións semanais

O programa formativo iniciouse en setembro do pasado ano e durará ata o vindeiro mes de abril. Cada semana lévase a cabo unha sesión temática, en formato en liña e de 45 minutos de duración, que logo pasa a estar dispoñible na plataforma virtual do curso para a súa consulta. Así mesmo, os beneficiarios reciben unha ficha didáctica cun resumo dos contidos que se tratan no webinario correspondente. Unha vez ao mes, envíaselles un boletín cunha selección de novas de actualidade relevantes sobre a materia.

A internacionalización no novo contexto actual, o plan estratéxico dixital, a intelixencia competitiva, a contorna legal, o márketing dixital, a comunicación e a publicidade son as temáticas abordadas ata o de agora no curso. Segundo unha enquisa realizada entre os rexistrados,  a formación conta cun alto grao de satisfacción “pola calidade do profesorado e a utilidade das materias impartidas”.

Está previsto que se celebren 13 sesións ata abril, nas que se analizarán, os diferentes modelos de distribución de e-commerce, como os marketplaces, as operacións no negocio en liña, os mercados dixitais –coa presenza das empresas Amazon e Alibaba en ambos os dous seminarios–, a negociación internacional e as xestións aduaneiras.

Aquelas empresas galegas que estean interesadas en adaptar a súa estratexia comercial internacional aínda poden inscribirse ao curso gratuitamente a través da web https://cursoformate.igape.es/

FONTE: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/65064/xunta-facilita-formacion-sobre-comercio-electronico-mais-400-pemes-autonomos