A Xunta colabora co Concello do Irixo no impulso á venda en liña de produtos agroalimentarios locais

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou na presentación do novo marketplace do Irixo.

O concello ourensán é un dos beneficiarios do programa de axudas para a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios.

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou no Irixo na presentación do marketplace impulsado polo Concello.  A través del pódense adquirir en liña pan, mel, lácteos, carne e outros artigos de produtores e comercios locais.

A Xunta, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación apoia con máis de 47.000 esta plataforma dixital, dispoñible en mercaoirixo.gal, coa que o Concello ourensán dá visibilidade e achega novas posibilidades de negocio ás empresas da localidade.

O Concello do Irixo é un dos beneficiarios do programa de axudas para a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural. A través desta convocatoria concedéronse axudas por preto de 590.000 euros a 18 beneficiarios, entre os que se atopan concellos de menos de 10.000 habitantes, Grupos de Desenvolvemento Rural e unha federación de comerciantes.

Así, impúlsanse accións de promoción comercial e de acceso a innovadoras canles de venda a través da creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, co fin de darlles unha proxección de venda para adaptarse á nova demanda e perfil do consumidor.

 

FONTE:  https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/65341/xunta-colabora-concello-irixo-impulso-venda-lina-produtos-agroalimentarios-locais