O Igape lanza dous novos servizos de internacionalización

Novos servizos do programa Re-acciona COVID-19

O programa Re-acciona COVID-19 do Igape estrea un servizo de elaboración de plans estratéxicos de internacionalización e outro de análise de mercados internacionais.

O Igape vén de abrir a nova convocatoria dos servizos Re-acciona COVID-19, un programa cofinanciado pola Unión Europea a  través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional que pretende axudar ás empresas galegas a adaptarse ao novo contexto provocado pola pandemia.

Re-acciona COVID-19 xorde para reforzar a posición de partida dos negocios, para que as pemes galegas poidan abordar novos mercados e para impulsar a súa aposta pola economía circular. No eido da internacionalización, Re-acciona COVID-19 estrea dous servizos: elaboración e implementación de plans estratéxicos de internacionalización, e análise de mercados internacionais concretos.

No caso do servizo de deseño do plan de internacionalización, inclúe formación e sensiblización, análise, elaboración do plan de internacionalización, execución e seguimento. O obxectivo é que as pemes poidan aumentar as súas exportacións e impulsar as súas alianzas comerciais, apoiándose en ferramentas de marketing dixital internacional.

En canto ao servizo de análise de mercados, pretende que as empresas galegas poidan captar novas oportunidades de negocio fóra das súas fronteiras, identifiquen socios puntuais e reduzan os risco de acceder a un novo mercado. O servizo contempla formación e sensibilización, análise da situación, selección de mercados, execución do plan de traballo e acompañamento.

Quen pode solicitar os servizos de Re-acciona COVID-19?

Poderán acceder aos servizos de Re-Acciona COVID-19 as pequenas e medianas empresas, con independencia da súa forma xurídica, incluíndo as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica. Como mínimo deben contar con 3 persoas traballadoras (inclúese no cómputo socios/as traballadoras).

Ademais, teñen que desenvolver a actividade en Galicia, polo menos, ter un centro de traballo na comunidade. Outro dos requisitos é que a súa facturación no 2020 sexa inferior á do ano anterior, polo menos nun 10%.

O prazo para solicitar estes servizos está aberto ata o vindeiro 15 de novembro.

Todos os servizos teñen un custo fixo de 600 euros a aboar polo beneficiario. A diferenza entre o custe total do servizo e o aboado polo beneficiario é o cofinanciamento realizado polo Igape.

FONTE: http://reacciona.igape.es/index.php/2021/09/30/o-venres-1-de-outubro-abre-o-prazo-para-solicitar-os-novos-servizos-re-acciona-covid-19/